Adxuntamos o contido do pregón:
XXIX FESTA DA PATACA (CORISTANCO
É para min un honor pronunciar o pregón da XXIX Festa da Pataca, que desde 1980 organiza o Concello de Coristanco, e aínda que un non é nado neste concello, levo nel a maior parte da miña vida profesional.
Hoxe a protagonista do día é a pataca e neste incio do pregón, procede, por cortesía, a súa presentación, aínda que despois de case tres décadas de exaltación xa é de sobra coñecida: É unha especie pertencente á familia das solanáceas, orixinaria de América do Sur e hoxe en día cultivada practicamente en todo o mundo polos seus tubérculos comestibles.
A súa historia é longa: Domesticada no altiplano andino polos seus habitantes hai uns 7.000 años, foi traída a Europa polos conquistadores españois, na primeira metade do século XVI, mais como unha curiosidade botánica que como una planta alimenticia; pero, paradoxas da vida, hoxe resultaríanos moi difícil prescindir dela na nosa dieta alimenticia.
Este tubérculo continúa sendo a base da alimentación de milleiros de persoas, é unha delicia culinaria en moitas rexións do mundo, que xerou decenas de pratos que a teñen de protagonista.
En Galicia a pataca, se ben se fala xa dela na segunda metade do século XVI, non acada certa importancia social en determinadas comarcas de Galicia ata ben entrado o século XVIII, para posteriormente xeneralizarse o seu cultivo en tódala rexión. O seu uso como alimento veu substituir á castaña na base da alimentación; este feito podémolo comprobar aínda hoxe en determinados lugares nos que as persoas de idade seguen chamando castañas ás patacas
A expansión do cultivo da pataca en Galicia segue un proceso parecido ao de outras rexións de Europa Occidental de agricultura de subsistencia como Bretaña e Irlanda: a súa expansión prodúcese en momentos de dificultades para as familias campesiñas, contribuíndo a pataca a perfeccionar o policultivo e a reforzar o autoconsumo.
Sen embargo, noutras rexións cunha agricultura máis avanzada, como é o caso de Holanda, a pataca integrouse nun sistema agrario moi desenvolvido, contribuíndo a facelo aínda mais rentable e a especializalo.
De todos son coñecidos os notables avances habidos nos sistemas de produción agraria nos derradeiros anos e a pataca de Coristanco non estivo ao marxe desas melloras: mecanización, selección de sementes, fertilización, labores culturais e optimización dos traballos cunhas producións aceptables, mantendo a calidade como feito diferenciador da Pataca de Coristanco.
As condicións climatolóxicas e as características dos solos así como as esmeradas labores realizadas no cultivo dan a pataca producida aquí un sabor especial, moi valorado por almacenistas e consumidores.
Temos un bo produto, diferenciado, e incluso con recoñecemento legal a través da Indicación Xeográfica Protexida “Patata de Galicia”que considera a varios concellos de Bergantiños como unha das 4 subzonas amparadas por esta denominación de rango europeo. Pero sen pretender ferir sensibilidades doutros concellos, temos que recoñecer que a pataca de Coristanco goza dun recoñecido marchamo de calidade, froito do traballo ben feito, case que artesanal, das sucesivas xeneracións que nos precederon.
Por outra banda, non podemos esquecer que hoxe en día, se ben é importante producir, aínda o é mais comercializar axeitadamente. Se houbo cambios nos sistemas de produción foron maiores aínda nos sistemas de comercialización; os sistemas tradicionais quedaron obsoletos. Nunha economía cada vez mais globalizada é necesario explorar tódolos segmentos de mercado e decidir en cal ou en cales nos imos situar.
Hoxe antes de producir hai que pensar en quen nos vai comprar a produción, idear novas canles de comercialización, que poden ser complementarias ás tradicionais, buscar alternativas e aprender da sabedoría popular que recomenda “non meter tódolos ovos na mesma cesta” e “probe do rato que solo ten un burato”. Así evitaríamos situacións como a deste ano, dunha boa colleita, pero que pola inexorable lei da oferta e a demanda, a comercialización resulta difícil e os prezos, por debaixo das expectativas.
Neste eido non é boa cousa resignarse, pois como dicía o filósofo francés Jacques Maritain “a insatisfacción do noso presente proba a grandeza do noso destino”. Debemos afrontar os retos actuais con novas ideas pois xa apuntaba o premio nobel de física Albert Einstein que “se buscas resultados distintos non fagas sempre o mesmo”. E utilizando unha metáfora do navegación dícese que “o pesimista queixase do vento, o optimista agarda a que cambie, mentres que o realista axusta as velas”. Procede, polo tanto, reflexionar, analizar a situación no seu contexto e innovar.
Desde 1998, Coristanco está irmanado co municipio francés de La Guyonnière, e desde esa data son frecuentes os intercambios entre veciños de ambas localidades; e, o mesmo que hai 500 anos os colonizadores españois trouxeron a pataca de América, con motivo dos encontros de irmanamento, viaxeiros de Coristanco levaron pataca de Coristanco a diversas localidades francesas non como planta ornamental nin curiosidade botánica, senón como un presente de calidade, embaixadora da terra de Coristanco. Idea interesante esta de viaxar, pois só podemos aprender de dúas maneiras: lendo ou relacionándonos coa xente que nos pode aportar novos coñecementos.
Ademais das relacións con La Guyonnière, hai contactos con outros municipios do país veciño; en concreto co de Ploeuc sur Lie, do departamento bretón de Côtes d'Armor, que tamén celebra a súa Fête de la Pomme de Terre”. E seguindo coas referencias da Bretaña francesa non quero deixar de citar o municipio de Ploudaniel, do departamento de Finisterre, a 20 km de Brest, en cuio escudo aparecen representadas tres flores de pataca de cor prateada cuns botóns de ouro, todo un manifesto da importancia do cultivo da pataca na economía local.
Non quixera rematar sen facer unha referencia ao pequeno libro “Coristanco, terra da pataca”, editado polo concello en 1993 no que se facía xa mención a algúns dos problemas que afectaban á agricultura local: pequena superficie das explotacións, carencias de formación, e avellentamento dos traballadores agrarios. Hoxe, despois de mais de tres lustros a análise non é moi diferente; evidentemente houbo melloras e progresos, pero as deficiencias estruturais son difíciles de correxir; e unha boa estratexia sería concienciarse de que é posible transformar esas debilidades en fortalezas e as ameazas en oportunidades; pero para elo é fundamental a formación, pois como recolle o proverbio chino “se planificas para un ano, sementa trigo, (aquí diríamos planta patacas), se planificas para unha década, planta árbores; pero se planificas para toda unha vida, educa as persoas”. Toda unha folla de ruta para a potenciación do local nun marco global.
Longa vida á Pataca de Coristanco e que siga sendo o elemento vertebrador da economía rural deste concello.
Moitas gracias.