Quizais crean que as clases de física ou de bioloxía non serven absolutamente para nada, salvo para estrullarse as neuronas intentando aprenderse datos, cifras e fórmulas que xamais volverán utilizar. Só uns poucos teñen razón, pero é normal que pensen estas cousas que tamén pensabamos moitos cando estabamos no colexio ou no instituto. Non obstante, a diferenza está en que os alumnos de Fonteboa e tamén os de quinto e sexto de primaria do colexio de Bormoio, en Agualada, tiveron estes días a oportunidade de comprobar que a ciencia pode ser de todo menos aburrida. Foi grazas ao programa Diverciencia, que subvenciona a Dirección Xeral de Investigación, da Consellería de Innovación e Industria, e que no caso de Coristanco coordinou o profesor Antonio Rodríguez Mateos. Durante todo este mes os estudantes puxeron en práctica a teoría aprendida en clase e desenvolveron todo tipo de orixinais proxectos que presentaron ante os seus compañeiros. Todos os participantes recibiron un diploma e os mellores, Bieto Villar, Manuel Tomé, Adrián Riveiro e Diego Quintana, alumnos de terceiro de secundaria que construíron unha rudimentaria pero funcional cociña solar, na que demostraron que poden fritir un ovo sen necesidade de lume. O segundo premio foi para os alumnos de Evaristo Domínguez, que realizaron un orixinal experimento sobre o punto de ignición que deixou pampos os seus compañeiros, porque por momentos temeron que ían queimar un billete de cinco euros.
En total, participaron 64 alumnos de
Fonteboa e Bormoio, dende 6º de EP ata 4º dá ESO

 

 

 

 

 

 

Submit to FacebookSubmit to Google PlusSubmit to TwitterSubmit to LinkedIn