Plan Proxecta: Galicons-net

O alumnado do Ciclo Medio de Comercio de Piñeiral está a desenvolver un proxecto sobre consumo responsable dentro do programa Plan Proxecta: Galicons-net, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. O proxecto chámase “E TI COMPRAS POR INTERNET? SI, PERO SÓ CANDO É SEGURO”.

Na primeira fase deste proxecto, o alumnado participou en distintas actividades (talleres na Escola Galega de Consumo, traballos de investigación na aula, coñecemento de experiencias de empresas do entorno na venta on-line.........) A finalidade era obter datos e reflexionar sobre eles para chegar a coñecer o proceso completo dunha compra segura por internet.

Na segunda fase, traballaron eses datos, elaboraron conclusións e déronlle forma converténdoos en distintos produtos ou resultados de aprendizaxe cos que poder difundir a súa experiencia entre a comunidade educativa do centro Piñeiral.

Deste xeito, deseñaron unha actividade de 50 minutos que comprende:
a) Enquisa sobre os coñecementos que se teñen sobre a seguridade na compra por internet (10 minutos) Esta enquisa introduce o tema, fai reflexionar aos participantes sobre os seus coñecementos, fai que xurdan dúbidas e motiva para estar máis receptivo na seguinte parte
b) Exposición sobre o proceso da compra on-line e a seguridade en cada paso deste proceso (30 minutos) Para este fin, deseñaron unha presentación na que a personaxe principal é unha Carapuchiña do século XXI, que ten smartphone, tablet e mesmo compra por internet un regalo para a súa avoa, fiándose dos consellos da súa nai e escapando dos que lle dá o lobo. Despois de ver a presentación, o alumnado de Comercio interactúa cos participantes na actividade formulándolles preguntas de xeito que poidan xurdir dúbidas e estas se poidan aclarar.
c) Presentación e reparto aos participantes da guía de boas prácticas, un resumo que se elaboraron para recoller de forma simplificada os consellos imprescindibles para comprar con seguridade en Internet (5 minutos)
d) Breve enquisa para avaliar o grado de interese e de repercusión da actividade desenvolvida (5 minutos)
No último trimestre, o alumnado de Comercio está a realizar a terceira fase do proxecto: contactar cos equipos directivos dos centros do entorno, explicarlles o proxecto e expoñer a actividade formativa deseñada naqueles que lles poida interesar. O obxectivo desta fase é difundir os coñecementos acadados e os resultados do proxecto entre a xente nova do entorno de Piñeiral.

 

Submit to FacebookSubmit to Google PlusSubmit to TwitterSubmit to LinkedIn