- A profesora Vaida Urbonaite, de orixe lituana e con raíces alemás, imparte clases de idiomas no centro EFA Piñeiral de Arzúa. O alumnado pode aprender con ela alemán, inglés ou ruso. As persoas interesadas aínda se poden inscribir durante o mes de outubro.

Profesora, hai demanda para aprender os tres idiomas na zona de Arzúa?

- En canto ao inglés, si, moitísima. É unha demanda que sempre existe. En boa medida débese a que a lexislación establece que para obter o título universitario tes que sacar polo menos un título do nivel B1.

En alemán, o alumnado que teño está moi relacionado co Camiño, cos peregrinos que veñen aquí por Arzúa. A maioría dos alumnos que se apuntaron a clases de alemán ou traballan en albergues, ou teñen unha tenda ou teñen algún negocio relacionado con Alemaña.

E para ruso teño un único alumno. Ten o nivel B2, co cal deféndese perfectamente. Pero interésalle e quere seguir aprendendo o idioma.

- E en xeral que tal se lles dá aos alumnos a aprendizaxe de idiomas?

- Depende de cada persoa e do nivel que teñen. O máis difícil para eles é a pronunciación. En cambio, si vexo que teñen unha base moi boa de gramática nos idiomas. Se estudaron inglés, teñen unha base moi sólida.

Pero o que non teñen é a conversación e a pronunciación. Fáltalles a estrutura á hora de falar. E xusto é con iso co que máis estamos traballando, cubrindo eses ocos. E tamén hai alumnos e alumnos. A uns dáselles moi ben e nótase moito a melloría e o avance. E outros son un pouquiño máis lentos.

- Os alumnos en xeral teñen clara a importancia dos idiomas no mercado laboral actual ou é algo do que aínda non somos conscientes?

- A maioría si. De feito, os alumnos que andan arredor dos vinte anos de idade veñen xusto por iso; pensan que os coñecementos de idiomas lles abrirán algunha porta máis. Os que teñen algo máis de idade veñen porque queren saber idiomas, por aprender. E os nenos veñen uns porque os inscriben os pais e outros porque no colexio dánselles ben os idiomas e queren mellorar o inglés.

- Esa necesidade de saber idiomas vai aumentar no futuro?

- Creo que si. Ademais, Arzúa e toda a zona é un lugar onde a necesidade dos idiomas é evidente. O fenómeno da peregrinase a Santiago está moi presente. E os negocios están orientados a responder ás demandas e necesidades dos peregrinos. Ademais de negocios directamente relacionados cos peregrinos, como poden ser os hostais, empezan a xurdir outros máis secundarios nese vínculo, como empresas de transporte ou tendas. O peregrino sempre quere levar un recordo e á xente vai sendo consciente pouco a pouco de que o coñecemento de idiomas axúdalles no negocio.

Como chega unha lituana ata Arzúa?

- Eu teño raíces alemás e estudei en Alemaña. Viñen como estudante de Erasmus a Santiago, coñecín o meu noivo ao acabar os estudos e viñen para Galicia.

- E, por certo, que tal se manexa co galego?

- Pouco a pouco (ri). Teño o certificado CELGA 3 da Xunta. Non o practico moito pero se fai falta podo usalo. A integración, sen coñecer o idioma, a cultura e as tradicións, é imposible.

 

Submit to FacebookSubmit to Google PlusSubmit to TwitterSubmit to LinkedIn