Escola de pais e nais en Piñeiral – 2ª parte

O centro EFA Piñeiral está a desenvolver unha “Escola de pais e nais” dirixida a xente nova con pequenos ou que, aínda sen descendencia, están a prepararse para formar unha familia.

O sábado 21 de febreiro, de 5 a 7, tivo lugar a segunda charla coloquio desta actividade. Baixo o título “As novas tecnoloxías e os nenos” a actividade foi dirixida por Fernando Suárez, xefe de Innovación do Consello de Santiago e Presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.

Fernando Suárez insistiu na necesidade de formarse e de perder o medo ó mundo dixital para reducir a brecha que separa as xeracións de pais e de fillos nestes temas: “os pais e nais podedes e debedes ser referente e dar pautas de conduta no uso axeitado das novas tecnoloxías: podemos educar para que saiban comportarse nas redes con respecto e responsabilidade, podemos ensinarlles todo o bo que hai nelas e mostrarlles tamén os perigos cando as condutas non son as axeitadas”

Base imprescindible para formar é crear un clima de confianza de xeito que, ante calquera dúbida ou problema, os rapaces non teñan medo de falar e preguntar. Cando un cativo ten unha preocupación ou non sabe se está facendo as cousas ben, non está buscando unha resposta técnica senón orientación e axuda, e iso está nas mans e no sentido común de calquera pai e nai. O acompañamento na formación implica saber que fan pero “sen ser excesivamente intrusivo, gañándonos a súa confianza”

Para o público asistente a esta actividade, tamén foi moi importante poder consultar as súas dúbidas e atopar respostas e consellos que dan seguridade nesa tarefa tan importante que é a de educar.

Submit to FacebookSubmit to Google PlusSubmit to TwitterSubmit to LinkedIn