Piñeiral clausura o curso 2014-15

O venres 6 de xuño, na Casa da Cultura de Arzúa, tivo lugar o Acto de Clausura do curso 2014-15 do Centro de Formación Profesional PIÑEIRAL coa presenza de D. José Luis García López, alcalde de Arzúa.

O Acto comezou coas palabras de benvida de D. César Ayude Varela, presidente da Asociación de familias de Piñeiral, e coas intervencións de Dª Pilar Vega, en representación de FUNDESAR, e de Dª Ana Mª Saavedra García, Directora do centro.

A segunda tanda de intervencións estivo composta por representantes do alumnado. Correspondeulles resumir as actividades técnicas máis importante do curso pero tamén deron testemuña do que lles supuxo o paso polo centro: Aida quería facer bacharelato pero a familia propúxolle facer un ciclo na EFA, súa irmán acababa de facelo e xa tiña traballo. María, en cambio, contounos que foi ela a que tivo que convencer a seus pais para facer un ciclo xa que eles preferían que fixera BAC. A Irene, o ciclo de Xestión comercial abriulle novos camiños e a posibilidade de crear o seu propio posto de traballo. Tamén aproveitaron a ocasión para mostrar o seu agradecemento ás case 200 empresas que colaboraron na súa formación ao longo deste ano.

A última intervención foi a de Dª Susana Mato Costoya, Coordinadora do Centro GERIATROS–Oleiros e titora de alumnado en prácticas na súa empresa. Coas súas palabras motivou ao alumnado para sacarlle o mellor proveito aos períodos de formación en empresa, fundamentais para complementar a formación e, tamén, para darse a coñecer e abrir portas cara á inserción laboral.

Despois desta intervención, Marta e Andrea, dúas alumnas do ciclo de Panadaría, repostaría e confeitaría, tomaron a palabra para lembrarlles aos asistentes que o alumnado do seu ciclo non ía recibir diploma porque aínda lles quedaba un curso por diante para acabar o ciclo pero que, finalizado o acto, esperábanos a todos no patio e xardíns de Piñeiral para degustar o buffet que lles tiñan preparado. Retomando as palabras que acababan de escoitar sobre a importancia das prácticas, tamén comentaron o contentas que estaban porque foron seleccionadas por unha empresa para traballar en verano.

Finalizadas as intervencións, pasouse á entrega de diplomas ao alumnado que remataba estudos dos ciclos medios de Comercio, Coidados auxiliares de enfermaría e do ciclo superior de Xestión comercial e márketing.

Despois da entrega de diplomas, tomaron a palabra D. Gabriel Tirapu, presidente da Federación EFA Galicia e D. José Luis García López, alcalde de Arzúa que dedicaron ao alumnado unhas cariñosas palabras e felicitacións. A continuación o Alcalde dou por clausurado o curso 2014-15.

Finalizado o Acto académico, toda a comunidade educativa e convidados disfrutaron dese buffet degustación anunciado, dun pequeno festival preparado polo alumnado e, moi importante, deixaron constancia da súa ledicia nas infinitas fotos que se fixeron nun “fotocol” no que non faltaba nin o detalle dos birretes.

Parabéns a todas e todos.

 

 

 

Submit to FacebookSubmit to Google PlusSubmit to TwitterSubmit to LinkedIn