Viaxe de estudos do alumnado de Coidados Auxiliares de enfermaría.

O alumnado de Coidados auxiliares de enfermaría do Centro de Formación Profesional Piñeiral realizou unha viaxe técnica coa finalidade de coñecer distintos centros hospitalarios de referencia e gran prestixio na comunidade de Madrid. Entre outras actividades, visitaron:

HOSPITAL CENTRO DE COIDADOS PALIATIVOS “LAGUNA”

Foi impactante descubrir a labor de atención ó enfermo e á súa familia neste centro sanitario. On grupo foi atendido pola enfermeira supervisora, que realizou unha descrición do traballo que fan e insistiu na importancia da sintonía e serenidade no equipo de profesionais cando son interpelados por pacientes e familiares sobre os seus medos e preocupacións. Neste sentido, resaltou que o trato humano é fundamental: acompañar con afecto, con serenidade e sen presas para escoitar e atender.

Descubrimos así en que consisten os coidados paliativos, que pretenden un mellor control da dor e da enfermidade avanzada, pero tamén facilitar ó enfermo e á súa familia o apoio necesario, en tódolos aspectos (físico, psicolóxico, social e trascendente ou espiritual). Insistíronnos en que non se tratan enfermidades senón Enfermos, con maiúscula, que cada persoa é única e que hai que buscar o modo de facerlle sentir que nos importa.

Tivemos a oportunidade de charlar co coordinador do voluntariado deste hospital. O voluntariado é unha peza moi importante para o trato con estes pacientes e as súas familias pola gran labor que fan de acompañamento, escoita,.. Deunos algúns consellos, que dificilmente esqueceremos, e ós que recurriremos non só cando tratemos con pacientes, senón tamén para a vida mesma. A verdade é que nin pestanexabamos mentres estivemos charlando con el.

Ante a pregunta de como enfrentarnos como auxiliares a esas situacións tan duras -ante as preguntas dos pacientes, como recoñecer as súas necesidades e como actuar- déronnos un consello: prepararnos, dedicar un tempo a reflexionar sobre a morte, as cousas que de verdade nos importarían, o que nos preocuparía, …, igual que para unha viaxe programamos o que levar na maleta e o que deixar arranxado.

 

HOSPITAL UNIVERSITARIO DE GETAFE

Visitamos a unidade de esterilización, urxencias, planta de neurocirurxía e hospital de día xeriátrico.

O que máis nos impresionou foi a planta de neurocirurxía, onde a supervisora nos explicou o tipo de pacientes que estaban alí ingresados, os grados de coma que hai e os coidados de enfermaría que necesitan. Ademais, tivemos a oportunidade de poder visitar e de falar con algún deles, que, sabendo que nos estamos preparando para auxiliares, quixeron contarnos da súa estancia no hospital e o que valoraban dos coidados que recibían.

Tamén nos explicaron como están poñendo en práctica un modelo de humanización hospitalaria en zonas de hospitalización de acceso restrinxido, como na UCI ou en queimados. E que grazas á implantación deste modelo, no cal o paciente pode estar sempre acompañado por un familiar as 24 horas, nótase que a recuperación é moito máis rápida.

 

HOSPITAL UNIVERSITARIO GREGORIO MARAÑÓN

Recibiunos o subxerente do hospital, xunto coa directora de enfermaría máis a coordinadora de TCAEs. Describiron a organización de este gran complexo hospitalario, e os diversos edificios coas unidades que engloban.

O mais sorprendente e novo foi a visita que fixemos a varios quirófanos onde se estaban realizando cirurxías de varices en pernas. Tamén vimos unha cirurxía por laparoscopia a través dos monitores. E comprobamos “in situ” como o traballo en equipo y de maneira coordinada de cirurxiáns, DUEs e TCAEs, é importantísimo. Sorprendeunos como despois de terminada a operación e de trasladar ó paciente, xa todo o equipo empezou a recoller todo do quirófano, limpalo, e preparalo para a seguinte operación en 10 minutos. A Tcae de quirófano describiunos as súas responsabilidades e ensinounos todo o instrumental, carros e monitores que tiña que deixar preparados.

 

HOSPITAL UNIVERSITARIO RAMÓN Y CAJAL

Visitamos a planta de coidados intensivos, e mostráronos o sistema de dispensación de medicación nas plantas con un sistema automático e de rexistro informático baixo claves de seguridade.

A auxiliar supervisora do servizo de esterilización guiounos por esta unidade que comprendía un sistema centralizado tanto de instrumental de quirófanos como do das distintas plantas e consultas. Tamén dispoñían do proceso de lavado de instrumental en zona contigua previa á entrada en zona de esterilización.

De todas estas visitas ós hospitais, naquelas nas que as auxiliares foron as nosas guías, démonos conta da importancia da súa labor (que no futuro tamén será a nosa), da importancia de traballar con responsabilidade e de preocuparse por seguir formándose para mellorar e afondar na labor que se realiza. A verdade é que a experiencia foi fantástica

E para rematar a nosa estancia en Madrid, o último día fomos visitar o albergue residencia que teñen as Misioneiras da Caridade da Madre Teresa de Calcuta para persoas en situación de gran exclusión. Alí estivemos con unha das irmás misioneiras que nos contou a labor que tiñan en Madrid (albergue para maiores, enfermos de SIDA, comedor social, reparto de comida polas rúas os sen teito…) Tamén nos contou a labor que realizaban en outros países nos que ela estivera, como en Marrocos ou Suíza.

Foi un encontro do máis emocionante, onde nos falaron do amor ó próximo, de axudar ós máis necesitados sen recibir nada a cambio e sen discriminación algunha. Chamounos moito a atención a sencillez, a experiencia de vida e o gran sentido do humor da irmá que nos atendeu. Aínda nos rimos un pouco cos chistes que nos contou e, mesturado coa grande emoción que sentiamos, deixounos sen palabras.






Submit to FacebookSubmit to Google PlusSubmit to TwitterSubmit to LinkedIn