Día Internacional da Muller Traballadora
Varios dos grupos cos que se ven traballando dende o ano 2002 no programa MULLERES CON PROXECTO, da Federación EFA Galicia, organizou unha mesa redonda sobre o autoemprego e emprendemento de mulleres no rural.
Coordinaba a actividade ASER (Asociación de Empresarias Rurais) e o alumnado de PIÑEIRAL que está a participar no proxecto de Innovación OPILE.
Participaron catro mulleres novas que foron quen de pensar, idear, buscar recursos e poñer en marcha unha iniciaciativa emprendedora coa que crear o seu posto de traballo e tamén crear emprego para outros.
A primeira en intervir foi Raquel Carregal, de Albergue Ultreia (Arzúa) A súa iniciativa xurde nun momento no que había albergues públicos eran escasos e estaban saturados. O seu albergue ten 39 plazas e no último Xacobeo acolleo a 8000 persoas. Ademáis dos servizos que ofrece aos clientes do albergue, tamén ten unha pequena cafetería como actividade complementaria para a temporada baixa. O éxito da actividade está basado no trato de calidade ao cliente, un a un, a un prezo competitivo, e a mellor compensación é a dedicatoria que deixan no libro de sinaturas cando marchan.
A segunda ponente foi Mónica Míguez de Pastelería Míguez (Sigüeiro - Oroso) A súa empresa é continuación da tradición familiar pero coa innovación da pastelaría de deseño, que aportou ela, ampliouse e fortaleceuse. Esta actividade ten dous inconvintes: a confeitería non é un produto de consumo diario e, ademáis, precisa unha formación continua, normalmente fóra, para estar á última. Os seus comezos foron en Alicante, aprendendo co mellor, Paco Torreblanca -o Ferran Adrià do chocolate- O éxito da actividade básao nesa formación permanente persoal e tamén na do resto de traballadores na axeitada atención ao cliente, xa que se o produto é excelente pero non se sabe vender, non se avanza.
A terceira ponente foi Pilar Costoya. Dende hai un ano, e partindo da experiencia familiar no sector cárnico, trata de sacar adiante a produción e venda de embutidos tradicionais. Hai dous meses que abriron o primeiro punto de venda. O obxectivo non é innovar senón conseguir un produto ecolóxico e tradicional: que o chourizo sepa a chourizo, cos conservantes de sempre, sen aditivos. Sacar adiante esta iniciativa está sendo duro pero ela ten claro con traballo e esforzo, con empeño e ilusión todo se andará.
Cerrou o turno de intervencións Minia Varela. Hai tres anos, puxo en marcha un punto de venda en Melide para o produto da queixería familiar. A elaboración é baixo dúas denominacións de orixe e, aínda que competir con queixerías de maior tamaño é complicado en canto a cantidade e coste, si que poden facelo en canto ao sabor, calidade e produción artenanal. Tamén producen queixo fresco que é unha alternativa que está tendo moi boa acollida, e complementa a actividade do punto de venda coa oferta doutros produtos tipo “gourmet”, artesáns e ecolóxicos, coa idea de dar saída a produtos elaborados na comarca.
Despois do primeiro turno de intervencións, cada ponente foi expoñendo as súas ideas sobre a cultura do emprendemento e tamén houbo un tempo para poder responder ás preguntas dos participantes.
A modo de sintese, os consellos finais para o auditorio foron:
Formación: imprescindible para empezar un proxecto e tamén para manterse e seguir mellorando.
Asociarse: as empresas que se xuntan baixo unha asociación poden ser moi diferentes, pero coñecerse é o primeiro paso para complementarse. En vez de encerrarse cada un no seu negocio, é máis eficaz invertir tempo en dinamizar as asociacións empresariais e profesionais.
Traballar para un mesmo, ser o propio xefe, é moi satisfactorio. E tamén o é saber que participas na mellora do entorno ao crear novos postos de traballo.
O emprendemento é vocacional, sobre todo cando se traballa cara ao público. A fidelización do cliente só se consegue cun continuo servizo personalizado e de calidade.
Cara á contratación de novo persoal, o máis valorado polas compoñentes da mesa son as ganas de traballar e, en segundo termo, a experiencia e formación. Valoran que o futuro traballador saiba facer un pouco de todo ou que, aínda que non o saiba facer, esté disposto a tentalo.