Actividades en Piñeiral ó redor da Feira do Queixo
Con motivo da celebración da Festa do Queixo, Piñeiral está a participar nunha serie de actividades que teñen como obxectivo achegar este acontecemento tan importante para o entorno socioeconómico da comarca de Arzúa a toda a comunidade educativa.
Deste xeito, e como punto de partida, o alumnado do Ciclo superior de Xestión comercial e márketing achegouse á roda de prensa convocada para presentar aos medios a 39ª edición da Festa. Nela interviron José Luis García, alcalde de Arzúa; Xosé Luís Carrera, presidente do Consello Regulador D.O.P. Arzúa-Ulloa; e tamén os responsables do Festival do queixo e do concurso Queixo Maquetón. A participación nesta actividade facilitou que o alumnado coñecera de primeira man os obxectivos e a filosofía da festa e tamén que tivera a experiencia de cómo se fai a presentación dun acontecemento cando se busca promocionalo e difundilo no maior número posible de medios de comunicación.
O seguinte punto de encontro coa temática da Festa foi a visita á Cooperativa La Arzuana. Neste caso o alumnado participante foi o dos ciclos medio e superior da familia de Comercio. A visita guiada ás instalacións desta empresa deixou de manifesto a importancia de descubrir as oportunidades que nos ofrece o entorno. Neste caso, trátase da transformación dun recurso, o leite de calidade, ao que se lle engade un valor ao transformalo nun queixo óptimo e ao que se protexe e se reforza cunha denominación de orixe.
A terceira actividade segue a ter o queixo como protagonista e consistirá nunha cata comentada deste produto a cargo do Consello Regulador da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa o xoves 27 de febreiro.
Piñeiral tamén quere participar de forma activa na Festa do Queixo. O alumnado do ciclo de Repostaría e confeitaría, coordinado pola súa profesora Susana Estévez, impartirá dous obradoiros de cociña creativa para os máis pequenos e para mozos e mozas o domingo, 2 de marzo. E, como non podía ser doutra forma, as receitas terán como elemento principal o queixo Arzúa-Ulloa, protagonista desta festa.
Desde Piñeiral, boa festa a todas e todos.