Inmersión lingüística en Irlanda
Do 3 ó 10 de maio, o alumnado do ciclo medio de Comercio e do ciclo superior de Xestión comercial e márketing do centro de Formación Profesional Piñeiral realizou unha viaxe de estudos a Irlanda.
Esta actividade tiña dous obxectivos moi concretos:
- Poñer en práctica e mellorar as destrezas do alumnado no manexo da lingua inglesa, módulo que forma parte do currículo de ambos ciclos.
- Realizar un traballo de investigación sobre os puntos de venda e a situación xeral do pequeno comercio nese país.
Para poder acadar o segundo obxectivo, levaron a cabo un traballo de campo, por medio de múltiples enquisas e conversas, que lles permitiu recoller os datos e a información necesaria. A procura de información levounos a visitar e investigar nas zonas máis comerciais de Dublín e tamén nalgúns mercados itinerantes e feiras.
Ó mesmo tempo, estas intervencións facilitaron a inmersión na lingua inglesa e mellorar a habilidade no manexo dese idioma.
Chamoulles moito a atención que, nalgunhas feiras, os paisanos levaran os produtos e os presentaran á venda en carriños de bebés. Ou que nos supermercados, o alcohol non estivera distribuído no punto de venda como o resto dos produtos senón detrás da caixa, para ser solicitado no momento de facer o pago da compra.
Unha vez de volta, o grupo está traballando as conclusións e elaborando unha presentación coa que facer chegar a súa experiencia ó resto da comunidade educativa de Piñeiral. A elaboración vai lenta xa que, a cada paso, xorden multitude de anécdotas e lembranzas moi difíciles de deixar a un lado cando se viviron con tanta intensidade.