Viaxe técnica do ciclo de Coidados Aux. de enfermaría a Madrid
Na semana do 5 ao 9 de maio, un grupo de alumnas do ciclo medio de coidados auxiliares de enfermaría do Centro de Formación Profesional Piñeiral realizaron unha serie de visitas técnicas a distintos centros de atención sanitaria da comunidade de Madrid
Esta viaxe tiña por obxectivo reforzar e ampliar os coñecementos do alumnado para complementar as súas competencias e habilidades mediante o coñecemento de servizos especiais en grandes centros hospitalarios e de atención sociosanitaria de referencia nacional.
Entre as visitas, resaltar as realizadas ós Hospitais Universitarios de Getafe, La Paz e Gregorio Marañón dependentes da Consejería de Sanidad da Comunidade de Madrid e tamén ó Centro de Referencia Estatal de Atención al Daño Cerebral (CEADAC) dependente do Ministerio de Sanidad.
No Hospital Universitario de Getafe, acompañáronos a directora de enfermaría e o responsable de comunicación do complexo hospitalario. Visitaron a Unidade de Grandes Queimados, de referencia nacional e de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional, así como o Servizo e Hospital de día de Xeriatría, onde o que máis nos impresionou foi a Unidade de Diagnóstico de Caídas que, por certo, estaba dirixida pola doutora Alonso, unha galega de Vigo.
O Hospital Universitario La Paz é o hospital da comunidade de Madrid que conta co maior número de unidades de referencia a nivel nacional, 18 en total, entre as que se encontran as unidades de Transplante tanto de Adultos como Infantil, as cales visitamos guiadas polas explicacións das supervisoras de enfermaría.
Na unidade de transplante de adultos, detivémonos máis nas técnicas e coidados no transplante renal. Puidemos comprobar in sito a importancia do traballo en equipo, de xeito que as características e necesidades do paciente sexan realmente o centro.
O que máis nos impresionou do Complexo Hospitalario La Paz foi o Hospital Materno Infantil. Estivemos na unidade de transplante infantil. Alí si que vimos a gran transcendencia do trato cos nenos e coas familias, como o persoal preocúpase de formarse para coñecer a psicoloxía evolutiva do neno, para adaptarse a el, tratar de comprender como o neno percibe o mundo e o que lle está pasando ou os coidados e técnicas que se lle aplican. Son ingresos e tratamentos moi longos e agresivos para o neno, con moita carga emocional e física tanto para eles como para os pais, e é labor do persoal sanitario favorecer a comunicación, facer a estancia o máis cómoda e agradable posible, procurando tamén romper o menos posible o desenvolvemento da vida do neno como neno (que xogue, que teña continuidade nos estudos…) segundo as circunstancias de cada un.
No Hospital Gregorio Marañón, complexo hospitalario que conta con máis de 20 edificios, e que é hospital de referencia nacional e internacional en varias especialidades como a área de cardioloxía, estivemos no hospital de día de cardioloxía e na área de quirófano de cirurxía cardíaca. Alí, baixo a dirección das correspondentes auxiliares que nos acompañaron, puidemos comprobar as tarefas que realiza o TCAE (Técnico en coidados auxiliares de enfermaría) en quirófano, dende a preparación do quirófano, material, equipos estériles e colaboración coa enfermeira circulante, ata os coidados pre e postoperatorios dos pacientes no hospital de día, onde se realizan os cateterismos, e a revisións e seguimento dos pacientes con marcapasos.
No Gregorio Marañón, tamén visitamos o hospital materno infantil, pioneiro nas técnicas de transplante cardíaco infantil e na asistencia integral do neonato con cardiopatía conxénita. Alí puidemos estar na UCI de cardioloxía infantil onde o persoal de enfermaría nos foi explicando as súas tarefas, e tamén nos mostrou o material, aparataxe, etc.
No CEADAC -Centro de Referencia Estatal de Atención al Daño Cerebral- recibiunos a súa directora-xerente Inmaculada Gómez Pastor. Presentounos o centro, creado polo IMSERSO no ano 2002 coa misión de promover, en todos os territorios do Estado, recursos especializados para a rehabilitación integral e intensiva de persoas con lesión cerebral adquirida e non progresiva. Para cumprir esta misión, conta cun área de referencia que pon información, documentación, asesoría e consultoría a disposición das institucións e profesionais que traballan no dano cerebral. Conta tamén cun área de atención directa que ofrece servizos de asistencia personalizada, como rehabilitación médico funcional, fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia, neuropsicoloxía e traballo social.
Unha das cousas que máis nos sorprendeu foi que esa atención directa no CEADAC basease nun modelo de rehabilitación intensivo, integral, centrado no usuario e a súa familia, e transdisciplinar. Tamén que aquí poden recibir atención persoas que sufriran a lesión recentemente, debido a que a plasticidade cerebral óptima dura ó redor de 18 meses tralo accidente , e hai que actuar o máis pronto posible nese tempo para lograr os obxectivos de máxima autonomía. De feito, para poder ser beneficiario desta atención directa deben ser usuarios entre 16 e 55 anos, con dano cerebral adquirido non progresivo, con estabilidade médica, e que recibiran a alta hospitalaria recentemente. A estancia media no centro é de 6 a 8 meses, cun máximo de dous anos tralo accidente.
Despois da presentación, acompañounos unha das auxiliares do centro que nos foi ensinando as instalacións, materiais e técnicas empregadas, e nos explicou, máis polo miúdo, a súa labor de apoio ó usuario para a consecución da autonomía nas AVD.
Tamén visitamos a Facultade de Odontoloxía onde puidemos observar e colaborar como auxiliares nas técnicas de periodoncia que se lle estaban realizando ós pacientes nos distintos gabinetes
Foi unha semana moi intensa, onde tamén sacamos tempo para callexear polos lugares máis emblemáticos da capital, Puerta del Sol, Plaza Mayor, Cibeles, Retiro, etc
Ahora, xa de volta, toca asimilar todo o que vimos, reflexionar e darnos conta de todo o que recibimos. Grazas a todos os profesionais que nos recibiron e atenderon, que nos mostraron a súa grande ilusión, profesionalidade e implicación no seu traballo, e que, sobre todo, nos fixeron ver que a colaboración e traballo en equipo de todo o persoal sanitario é fundamental porque todo debe estar centrado no máis importante: as PERSOAS ás que se prestan eses coidados.