Conferencias de actualidade no centro de f.p. “EFA PIÑEIRAL”
No remate do primeiro trimestre, como ven sendo tradicional no centro de Formación Profesional “EFA Piñeiral”, comezou o ciclo de conferencias sobre temas de actualidade programado para este curso. Esta actividade está orientada a toda a comunidade educativa do centro, e tamén está aberta a todas aquelas persoas do entorno interesadas en participar, pertenzan ou non á Asociación Piñeiral.
A primeira das intervencións do ciclo estivo dirixida polo doutor José Luis Pérez Requejo, profesor universitario e divulgador científico de ámbito nacional e internacional no campo da Hematoloxía e Bioética. Co título “Decidir por quen non pode decidir” o doutor Pérez Requejo foi desenvolvendo toda a temática relacionada coa ética a aplicar nos casos de persoas consideradas fráxiles.
Comezou a súa intervención indicando os principios básicos e modelos éticos, e reflexionando sobre a intencionalidade dos actos. Nun segundo apartado, explicou –conxugando profundidade e sinxeleza- quen son as persoas incompetentes dende o punto de vista médico, e tamén cales son os criterios e as categorías no proceso de avaliación da incompetencia. Finalmente, aclarou quen ten dereito a decidir por eles e que decisións se poden tomar no caso dun adulto declarado incompetente ou no caso de menores de 12 anos.
A exposición -científica, con rigor e complementada con información derivada de casos clínicos reais- foi moi apreciada polo público participante, que mostrou o seu interese consultando dúbidas e querendo saber máis sobre aspectos tan importantes como o Documento de voluntades anticipadas ou testamento vital , os coidados paliativos ou a capacidade de decisión sanitaria dos menores.
O ciclo de conferencias completarase con dúas máis que terán lugar os días 7 de febreiro e 11 de abril.