Conferencias de actualidade no centro de F.P. “Efa Piñeiral”
O sábado 21 de febreiro, tivo lugar no centro de Formación Profesional “EFA Piñeiral”a segunda parte do ciclo de conferencias sobre temas de interese relacionados coa actualidade e orientadas ao alumnado e ás súas familias.
A primeira intervención estivo dirixida por Natividad Porto e foi a segunda parte da desenvolvida no primeiro trimestre sobre comunicación e habilidades sociais . Neste caso, a poñente centrouse na análise do carácter e dos comportamentos como estratexia para poder coñecer e comprender aos demais.
Na segunda intervención, o doutor José Luis Pérez Requejo -profesor universitario e divulgador científico a nivel nacional e internacional no campo da Hematoloxía e Bioética- tratou o tema do alcoholismo e botellón na xente nova.
A intervención partiu dun estudo comparativo da cantidade de alcohol que contén cada UBE (unidade de bebida estándar) e do tempo que tarda o corpo en metabolizalo tendo en conta condicionantes como a diferenza por sexos. Neste sentido, sorprendeu coñecer que dous anos de consumo continuado nunha muller equivalen e teñen as mesmas consecuencias que dez anos de consumo no caso dun home.
Despois de describir as fases da intoxicación por alcohol e as causas que levan a beber descontroladamente, Pérez Requejo pasou a expoñer as consecuencias físicas, psíquicas e sociais derivadas do alcoholismo, incidindo sobre todo no deterioro da capacidade de toma de decisións, nas alteracións da dinámica familiar e no aumento de condutas agresivas: “a maior consumo de alcohol, peor é a relación familiar”
Finalmente indicou que pautas nos poden facer sospeitar de que un fillo/a consume alcohol e destacou a importancia de dar exemplo, “non como a mellor maneira de influír sobre os demais, senón como a única maneira de facelo”