Obradoiro de pastelaría creativa na Festa do Queixo
O alumnado do ciclo de Repostaría e confeitaría do centro de Formación Profesional Piñeiral, coordinado pola súa profesora Susana Estévez, impartiu un obradoiro de cociña creativa dirixido aos mais pequenos durante a Festa do Queixo celebrada en Arzúa os días 28 de febreiro e 1 de marzo.
O obradoiro desenvolveuse o domingo pola tarde e as receitas tiñan como elemento principal o queixo Arzúa-Ulloa, protagonista desta festa. Esta actividade, lúdica e tamén formativa, fixo disfrutar moito aos cativos que, ataviados con gorro e mandil, sentíronse como se estivesen a participar no programa MasterChef. Os nervios xa se notaban unha hora antes de empezar, cando se achegaban para preguntar se xa era hora, se xa podían vir. Pasárono ben decorando e puxeron imaxinación modelando as figuriñas para os acabados. Despois de tanto traballo, e vendo o ben que quedaron as larpeiradas, ninguén quería probalas: eran un trofeo para mostrar e para gardar.
E como todo trofeo, tamén tiña que quedar inmortalizado. Cada neno e nena foi pasando e posando no Fotocol preparado nun lado do obradoiro. Para este obradoiro, o alumnado de Repostaría de Piñeiral traballou doces inspirándose no cartel gañador da Festa do Queixo e o resultado foron unhas tartas que imitaban moi ben a figura central do cartel e tamén as “boliqueiras”: unha boliña de biscoito e queixo cuberto con fondan e adornada con pasta de azucre que representa a queixeira tradicional, co seu pano na cabeza e mesmo tamén co queixo sobre ela. Outras “boliqueiras” tiñan forma e ovella, de galo… Con algúns destes traballos repartidos sobre un tenderete de feira ao que non lle faltaba detalle, compúxose un Fotocol no que cada cativo foi posando co seu traballo e co seu mellor sorriso.