PIÑEIRAL EN IRLANDA
Alumnado dos ciclos da familia de Comercio e Marketing do Centro de Formación Profesional EFA Piñeiral cambiaron, durante oito días, as aulas en Arzúa por unha intensa estadía en terras irlandesas.
Os obxectivos principais da viaxe eran a inmersión lingüística e poder facer unha análise da actividade comercial en Dublín.
En canto ao primeiro obxectivo, decatáronse de que eran capaces de desenvolverse perfectamente en inglés, entendían e entendíanos. E perderon, en boa medida, o medo ao ridículo que ás veces se sente na aula por ter que expresarse noutro idioma.
A través da observación, da visita a empresas e da investigación, reflexionaron sobre o sector comercial de Dublín centrándose en dous ámbitos: o pequeno comercio local e os centros comerciais; para elo percorreron, entre outros, os puntos de venda mais salientables das calles comerciais O´Connell e Grafton Streat e o mítico centro comercial Stephen´Green, analizando distintos aspectos referidos ao seu ámbito profesional como: escaparates, organización das salas de venda, surtido, prezos, campañas promocionais, horarios, atención aos clientes...
Ademais do contido profesional, tamén visitaron nesta cidade a empresa Guinness Storehouse, e outros lugares emblemáticos como a Trinity College e a súa biblioteca, o Castelo de Dublín, Dublinia, o barrio vikingo, o Temple Bar, ou parques como Stephen Green e Phoenix.
Fora de Dublín estiveron no pobo costeiro de Howth disfrutando dos seus sorprendentes acantilados, e tamén en Belfast onde a visita estrela foi ao museo do Titanic. En Belfast construíuse o barco que dá nome á famosa película e, no museo, recréase de maneira virtual a tráxica e romántica historia do desafortunado cruceiro.
Ademais de mellorar a súa competencia lingüística, de coñecer o seu sector profesional noutro país e de enriquecerse culturalmente, o alumnado participante destacou a aportación humana que supuxo convivir durante eses días nun albergue, entre eles e con outras persoas, maioritariamente xóvenes, de distintos países, culturas… En definitiva, unha experiencia que non esquecerán.