As novas tecnoloxías e a xente nova
No mes de novembro e como parte das actividades deseñadas para a Asociación de familias do centro de Formación Profesional Piñeiral, contamos coa colaboración de Fernando Suárez, xefe de Innovación do Consello de Santiago e Presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.
Como responsable da área de Innovación, Fernando Suárez falounos dos proxectos que se están a desenvolver para converter Santiago nunha cidade intelixente.
Como informático e pai de familia, aportounos a súa experiencia no uso axeitado de Internet. Despois dunha pequena introdución para situarnos na orixe das redes sociais, na súa relación coa teoría dos seis graos de separación, na variedade e utilidade de cada rede… pasou a describir as opcións das que dispoñemos para usar os medios tecnolóxicos con seguridade, evitando riscos. Neste aspecto, remarcou a necesidade de non afastarse da xente nova, pensando que xa saben moito e que non precisan axuda. O seu consello é estar sempre preto e compensar a inseguridade que se poidan ter respeto ás novas tecnoloxías de tres xeitos:
- Con sentido común, dando pautas de conduta. Os problemas nas redes non son moi distintos dos do mundo real, podemos educar para que saiban comportarse nas redes con respecto e responsabilidade, podemos ensinarlles todo o bo que hai nelas e mostrarlles tamén os perigos cando as condutas non son as axeitadas
Buscando axuda cando sexa preciso, recurrindo a aquelas persoas e institucións que teñen esa función de axudar. - Creando un clima de confianza de xeito que, ante calquera dúbida ou problema, os rapaces non teñan medo de falar e preguntar
Para o público asistente a esta actividade, tamén foi moi importante poder consultar as súas dúbidas e atopar respostas e consellos que dan seguridade nesa tarefa tan importante que é a de educar.