Actividade técnica en Piñeiral: Coffee Spirit
José Sanguiao Taboada, xerente da empresa Coffee Spirit de Melide, visitou o Centro de Formación Profesional Piñeiral para impartir unha sesión formativa dirixida ó alumnado das familias profesionais de Comercio e márketing e de Industrias agroalimentarias.
A sesión tivo como obxectivos coñecer a traxectoria de Sanguiao como emprendedor, afondar no coñecemento do “CAFÉ” -un produto familiar pero do que hai moito por aprender- e descubrir as oportunidades de actividade nun sector con infinitas posibilidades sempre que se traballe con profesionalidade.
José Sanguiao soubo transmitir ó alumnado a paixón que ten el por coñecer moi ben o produto que distribúe e que vende. Isto, ademais, facilítalle poder asesorar ós seus clientes de xeito que tamén eles poidan ofrecer un servizo de calidade.
Preocúpalle que os profesionais que traballan no mundo do café estean formados e saiban diferencialo, elaboralo e presentalo buscando a excelencia en cada proceso. Por este motivo, en Coffee Spirit, ademais de distribuír café, imparten diferentes módulos de formación con certificación SCAE.
Ó longo da súa intervención, animou ó alumnado a afondar no coñecemento de calquera produto que vaian vender no futuro, a formarse constantemente e a traballar con profesionalidade.