Viaxe de estudos a Irlanda do alumnado de Piñeiral
Un ano máis, o alumnado do Ciclo Medio de Actividades Comerciais e do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais do Centro de Formación Profesional E.F.A. Piñeiral realizaron unha viaxe de estudos a Irlanda na segunda semana do mes de maio.
O obxectivo principal da viaxe foi a inmersión lingüística utilizando como recurso didáctico distintas tarefas de investigación sobre aspectos do sector comercial -as vendas, a xestión do pequeno e grande comercio, a loxística, o márketing e a publicidade- dun país alleo ao noso. Para iso, cada día tiñan organizado un plan de traballo para:
- Visitar empresas como Guiness, Pennyes, tendas de Inditex e outras.
- Realizar enquisas a traballadores e clientes en establecementos comerciais, como parte do traballo de campo a desenvolver. Esta actividade facilitou practicar o idioma, superar retos e aproveitar de forma óptima a estancia en Irlanda.
- Realizar visitas culturais, concertadas en inglés, para afondar nas orixes, tradicións, patrimonio e idioma do país.
Como consecuencia da viaxe, algúns dos alumnos propuxéronse facer a FCT en terras irlandesas. Para outros, a sorpresa foi que lles ofertaran traballar alí no verán despois de ver como se desenvolvían coas enquisas e traballos de campo.