Piñeiral acolle un grupo alumnas de EFA Torrealedua
Desde Llombai – Valencia, un grupo de alumnas de Formación Profesional do centro EFA Torrealedua realizaron, no mes de maio, unha viaxe técnica a Galicia. O obxectivo era intercambiar experiencias co alumnado de Piñeiral e coñecer iniciativas empresariais de algunhas comarcas galegas.
Comezaron a súa estancia con unha actividade na que o alumnado de Piñeiral, como anfitrión, dou a benvida ó grupo valenciano e presentoulles Galicia, a súa cultura, tradicións, economía… sen esquecer describir as comarcas de Arzúa e Terra de Melide polas que percorre o Camiño de Santiago. Finalmente, explicáronlles todas as actividades que desenvolve a EFA de Arzúa e presentáronlles, polo miúdo, o programa de traballo que tiñan organizado para o grupo visitante.
Por parte da EFA Torrealedua, tamén presentaron a súa zona, incidindo no turismo e na agricultura, os pilares da economía dos territorios de onde procedían.
As actividades nas que participou o grupo, sempre acompañadas polo alumnado dalgún dos ciclos que se imparte en Piñeiral, foron:
- Visitas Técnicas a: Queixería Varela, Tenda Xebre, Albergue Ultreia, Empresa Begano, Cooperativa Feiraco.
- Tertulias Técnicas con tres mulleres emprendedoras: Minia Varela, Raquel Carregal e María Iglesias
- Visitas Culturais a: Santiago, A Coruña, Arzúa e Melide, Camariñas, Muxía, Fisterra e Percorrido de 15 Km do Camiño de Santiago.
A avaliación da viaxe por parte das alumnas e profesoras de Efa Torrealedua foi moi positiva. Destacaron a intensidade e interese dos contidos e a visión concreta, práctica e real dunha boa parte do territorio galego.
En canto ó alumnado da EFA Piñeiral, ser anfitrións dun grupo de fora fíxolles reflexionar e ver, con ollos ilusionados e cheos de orgullo, todo o patrimonio e a riqueza da súa comunidade.