O Centro de Formación Profesional EFA Piñeiral inaugura o curso académico 2017/2018
Arranca o curso 2017/2018 no centro arzuán de formación profesional EFA Piñeiral e faino cargado de novidades dentro do seu proxecto educativo e instalacións.
A EFA Piñeiral seguirá apostando pola metodoloxía pedagóxica propia que é a responsable da práctica totalidade da inserción laboral do alumnado; método MEDEA (Metodoloxía Empresa-Aula) propicia que o contacto do alumnado coa realidade empresarial sexa constante grazas ás estadías en empresas, sesións formativas, talleres, obradoiros semanais con expertos e profesionais de cada unha das materias e visitas a centros de traballo e empresas.
Asemade, o proxecto educativo verase reforzado co impulso da formación lingüística, posibilitando a preparación de todo o alumnado para a obtención de titulacións lingüísticas oficiais en inglés e alemán (Escola de Idiomas, Cambridge, Goethe Institut). Seguirase apostando pola mobilidade internacional grazas a programas como o Erasmus + mediante o cal neste mesmo curso 10 estudantes do segundo curso dos ciclos profesionais impartidos realizarán parte do periodo de formación en centros de traballo en Francia.
Iniciarase tamén o traballo no proxecto de emprendemento co galo de que o alumnado sexa consciente da realidade socioeconómica da súa contorna, das súas necesidades e oportunidades de negocio existentes e dos procedementos requeridos para o emprendemento.
OFERTA FORMATIVA E NOVAS INSTALACIÓNS
Na EFA Piñeiral impartiranse os distintos cursos dos CICLOS FORMATIVOS DE GRAO MEDIO de: actividades comerciais, coidados auxiliares de enfermaría, panadería, repostaría e confeitaría, así como o CICLO FORMATIVO DE GRAO SUPERIOR en xestión de ventas e espazos comerciais.
No centro arzúan veñense de rematar os traballos de edificación e acondicionamento das novas instalacións de aulas e de obradoiros de elaboracións dotados da última tecnoloxía e equipamento para o ciclo de panadería, repostaría e confeitaría.
Debido á alta demanda existente, algunha das especialidades xa ten esgotadas dende fai meses as prazas ofertadas. Nembargantes a matrícula para os interesados nos ciclos medio e superior da familia comercio e márketing, e do ciclo de panadería e repostaría e confeitaría aínda conta co prazo extraordinario de matriculación dende o 20 ó 22 deste mes.