A delegación da Xunta en Madrid acolleu a xornada de traballo e formación da EFA Piñeiral de Arzúa
Preto dunha trintena de alumnos da zona coruñesa de Arzúa están esta semana en Madrid co centro formativo e de promoción rural EFA PIÑEIRAL dentro do programa de EMPRENDEMENTO CON MOZOS DO MEDIO RURAL. Entre as actividades previstas para estes días está a xornada de hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, na que o alumnado recibe formación de diferentes profesionais co obxectivo de mellorar a súa cualificación en diversas áreas, como comercio e marketing así como coñecer outras experiencias que lles poidan achegar ideas para aplicar nas súas zonas de orixe. En concreto o eixo de traballo da xornada de hoxe son as estratexias de comunicación e a importancia das mesmas para as políticas de comercialización online e offline.
O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega recibiu ao equipo de formadores composto por Mary Espiñeira, Carmen Liz, Berta Cobo e Susana Estévez e dirixiu unhas palabras de benvida aos rapaces nas que explicou, brevemente, as funcións da institución galega. Tamén o fixeron o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez e a responsable de Comunicación, Rosa Figueroa, para achegar algúns aspectos das súas respectivas funcións que puidesen servir aos mozos nas súas futuras formulacións profesionais. A xornada, que se iniciou ás 10 da mañá, prolongarase ata as 19 horas, con diferentes relatorios técnicos a cargo de responsables de empresas de variados sectores, márketing, publicidade e comunicación corporativa. No programa da xornada están os faladoiros técnicos nos que interveñen: Ramón Brea, executivo de Contas da axencia publicitaria C.P.F.; Laura Cardeal, directora de Comunicación e Eduardo Contreras, creative manager da empresa Selectra España e Francia. Así mesmo tamén está programada a charla técnica a cargo de Gerardo González, do Restaurante Terramundi en Madrid, e por último abordaranse retos e oportunidades da comunicación no márketing farmacéutico por Paula Herranz e Hugo Sánchez da multinacional Boehringer Farmacéutica.
Esta viaxe permitirá ademais que os estudantes do ciclo de coidados auxiliares de enfermería visiten os hospitais e institucións sanitarias de referencia da Comunidade de Madrid e que o alumnado do ciclo de panadería repostería e confeitería coñezan iniciativas empresariais como Chocolates Eureka, Xeados Roca e Viena Capellanes.
Pola súa banda, o alumnado dos ciclos de comercio e márketing coñecerán o Campus Google, Amazon, Real Fábrica Española e recibirán unha charla técnica en El Corte Inglés de Castellana a cargo do súa responsable de Comunicación, Alicia García.
A viaxe técnica complétase con visitas de estudo a espazos singulares como os dos Mercados de San Antón e San Miguel, A Tita Rivera, Mercado de San Ildefonso, Platea, Restaurante StreetXO ou Platea Madrid, ou os espazos comerciais do Barrio de Salamanca e Serrano.