Continuidade nas accións de VOLUNTARIADO de Piñeiral
Seguindo co programado para este curso, no segundo trimestre o alumnado do Centro de Formación Profesional Piñeiral estamos a participar en distintas accións de voluntariado en colaboración con Cruz Vermella, Cáritas e a Residencia de Maiores San José de Arzúa.
Este tipo de experiencias resultan ser moi gratificantes para todos, pero poida que máis para a xuventude, que en todo momento estamos buscando cousas novas que realmente sexan motivantes e que nos fagan sentirnos útiles. Tamén temos inquietudes sociais e preocúpanos o que ocorre noutros países. Non somos indiferentes, só necesitamos organizacións que nos atraian e empezar polo pequeno para, logo,chegar ao máis grande.
Desde Cruz Vermella pedíronnos aportacións económicas para axudar ó pobo sirio. Puxémonos as pilas e comezamos co deseño e a mensaxe que queriamos transmitir ás persoas que consideramos que podían aportar axudas. A tarefa foi encomendada ó alumnado do Ciclo Medio de Actividades comerciais e do Ciclo Superior de Xestión de vendas e espazos comerciais. Destes últimos, saíu a iniciativa dunha presentación en inglés para toda a comunidade educativa co fin de dar a coñecer a situación actual de Siria, as rutas que percorren os refuxiados, como viven e cales son as necesidades máis apremiantes neste intre.
No caso de Cáritas, a axuda foi distinta. A campaña dirixiuse a recoller material escolar para nenos e nenas que necesitan aprender as destrezas básicas dunha lingua en canto a escritura, lectura, comprensión: lapis, bolígrafos, cadernos, libros de lectura básica, cadernos Rubio, puzles… Fíxonos ilusión esta campaña: pensando nos pequenos destinatarios, celebrábamos cada pequena cousa que íamos conseguindo.
E,finalmente, tamén queremos falar do voluntariado na Residencia de Maiores San José. Neste caso, hai un grupo de alumnas que todos os xoves realizan visitas a maiores en dita Residencia, participan en xogos, conversan con eles e, se o tempo acompaña, lévanos a pasear.
Queda un trimestre por diante e esperamos poder seguir enchéndoo de novos proxectos solidarios.