Charla de Guha Bachir: “A vida nun campamento de refuxiados”
Dentro das accións de voluntariado que está a desenvolver EFA PIÑEIRAL neste primeiro trimestre de 2016 está a da axuda ós nenos e nenas refuxiados de Siria. Para coñecer de primeira man o que é a vida nun campamento de refuxiados, unha alumna do noso centro, expuxo a súa experiencia.
Guha Bachir, nace e vive no campamento 27 de Febrero situado en pleno deserto do Sáhara na zona de Tinduf (Argelia). Tivo a sorte de poder vir pasar as vacacións do verán, dende os 7 ós 12 anos a Palas no programa “VACACIÓNS EN PAZ”. A familia, que a acólleo neste programa, seguiu tendo contacto con ela e, cando ós 16 anos rematou os estudos no seu campamento, acollérona de novo para facer aquí 3º e 4º da ESO. Agora estase a cualificar como Técnico Auxiliar en Coidados Auxiliares de Enfermaría en Piñeiral.
Guha comezou a súa exposición situando ó resto do alumnado na realidade histórica do Sahara Occidental, o seu pasado como colonia española ata 1975 e o que aconteceu a partir dese momento cando, pola ocupación de Marrocos e de Mauritania, moitas persoas tiveron que abandonar a zona. En concreto, a súa familia, marchou para o deserto e instaláronse nos campamentos ó suroeste de Argelia.
Viven da axuda internacional -ONU, Unión Europea, Asociacións de Amigos do Pobo Saharauí…- dos que están a recibir comida, roupa, libros, auga, ...
Comentou a vida no campamento, as condicións adversas nas que viven e nas que chegan a soportar ata 50º en verano, a falta de actividade e de perspectivas de futuro mesmo para os que teñen a oportunidade de facer estudos en Europa xa que, unha vez cualificados, non é fácil atopar traballo nos campamentos.
A súa experiencia en Galicia é moi positiva, adaptouse moi fácil e gústalle moito o idioma galego. Cando remate a súa formación, cree que vai ter traballo nos campamentos, pero sufre ó pensar que iso non lles vai ocorrer a moitos dos outros mozos e mozas.
Falounos tamén de felicidade. Ela ve que aquí a xente nova non é todo o feliz que podería ser, sempre están a pensar que lles falta isto e aquilo; non se conforman nin valoran o que teñen (tendo moito) e chega á conclusión de que calquera mozo ou moza nun campamento é moito mais feliz, xa que vive e valora o pouco que ten.
Guha rematou a súa intervención agradecendo á súa familia de Palas a oportunidade que lle ofreceron de poder vir estudar aquí. A súa situación non é fácil xa que bota moito de menos á súa familia de sangue, pero fala deles con serenidade e orgullo, cunha fortaleza que xurde da esperanza de saber que todo este esforzo vale a pena, xa que despois vai poder axudalos mais e mellor.