Piñeiral clausura o curso destacando a potencialidade dos ciclos para a empregabilidade
O venres 3 de xuño tivo lugar en Piñeiral a clausura oficial do curso 15/16. O acto institucional contou coa presenza de distintas autoridades da comarca. Entre elas, destacar a Aurora Varela da Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Arzúa, Dalia García Couso -alcaldesa de Melide- e Roberto Rey Martínez -alcalde de Frades.
Como en edicións anteriores, o protagonismo da celebración recaeu no alumnado que rematou os seus estudos. Neste caso, recibiron diploma os ciclos medios de Panadaría, repostaría e confeitaría e o de Coidados auxiliares de enfermaría.
Interviron, no acto, Laura en representación dos ciclos da familia profesional Comercio e Márketing, Alba do ciclo medio de Enfermaría e Tamara desde o ciclo de Repostaría. Resumiron as actividades técnicas máis importantes do curso, ademais de destacar as vantaxes de estudar ciclos no centro.
Despois da entrega de diplomas, e para festexar con todos os convidados, houbo un buffet nas instalacións do centro. Na celebración non faltou un ‘photocall’ -basado na película Star Wars- para o recordo.
Moitos parabéns a todo o alumnado que rematou estudos!